Tipoloxía: petróglifo.
Cronoloxía: Idade de Bronce e outras sen concretar.
Motivos representados: círculos concéntricos con radio, coviñas, armas, motivos zoomorfos e cruces.
Parroquia: Santa Comba de Carnota.
Lugar: Mallou.
Altitude: 260 m.
Descrición da contorna: monte baixo de xestas e piñeiros illados.
Accesibilidade: doada.
Conxunto de gravados situados sobre un afloramento localizado na ladeira dos montes de Carnota, quizais os máis espectaculares deste concello. Están espallados por varias das grandes laxes que compoñen esta formación rochosa, cunha pendente media dun 20% dirección norte.
Os máis visibles ocupan unha superficie de 6 x 3,50 m. O grupo central de gravados compóñeno un amplo conxunto de círculos concéntricos, algúns de ata cinco círculos, asociados nalgúns casos a trazos radiais, coviñas centrais, rebaixes rectangulares e coviñas illadas. Pódense contar arredor de 18 combinacións circulares, cuns diámetros variables (as de maior tamaño teñen entre 80, 68 e 54 cm), máis ou menos completas. Catro delas están combinadas cun par de rebaixes cuadrangulares, similares aos existentes noutras estacións da contorna. Destaca tamén, pola súa importancia, unha representación dunha arma, tipo puñal ou espada curta, de 75 cm de lonxitude e 15 cm de ancho, unida por un trazo ás combinacións de maior tamaño. O resto dos gravados son varios conxuntos de pequenas coviñas, así como algúns trazos xa case inapreciables. O tamaño do suco nas combinacións máis grandes é de 2,5 a 3 x 1 cm de profundidade. O desgaste do suco é maior nos gravados de máis ao leste, por onde baixa a auga durante o inverno.
A carón desta laxe, polo bordo oeste, apenas separada por unha franxa de herba, sitúase unha laxe similar á anterior, aínda que con menos gravados, na que se atopan varias combinacións circulares de tamaño medio, contándose unhas once máis ou menos completas. De catro delas saen varios trazos radiais prolongados ao exterior, de ata tres metros de lonxitude, que se xuntan na parte baixa da laxe e que presentan un suco máis profundo que o resto dos gravados. Destaca na parte central da laxe unha representación de dous motivos zoomorfos, un macho e unha femia, unidos polos seus cuartos traseiros, de 60 cm de lonxitude total.
Apenas uns metros máis abaixo e tamén por enriba destas laxes, aparecen máis combinacións circulares e círculos con coviñas (existen outros tres grupos, ademais dos dous descritos). Destaca unha forma de cilindro de 28 x 12 cm, que podería tratarse dunha representación de ídolo-cilindro, máis habitual noutras estacións rupestres galegas.
Modelos 3D
Para acceder a el, en Martiaño, hai que tomar un desvío no camiño en Martiaño. Á esquerda da mesa interpretativa, atópase o petróglifo. A distancia ás Laxiñas dende Mallou é de 2.200 m; dende Carnota, 3.900 m; dende Lira, 5.500 m e dende o acceso de Louredo, 8.700 m.
Mapa
- CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).
- VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.
- CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.