Museo Aberto de Carnota
19 de agosto de 2019
Museo Aberto de Carnota
Compartir:

As Laxiñas

Enderezo:

Mallou, Santa Columba de Carnota - Carnota (A Coruña).

Tipoloxía: Petróglifo
Cronoloxía: Idade do Bronce
Parroquia: Santa Comba de Carnota
Lugar: Mallou
Altitude: 260 m
Descrición do entorno: Monte Baixo de xestas e piñeiros illados


Descrición: 

Conxunto de gravados situados sobre un afloramento ubicado na ladeira dos montes de Carnota, son quizais os máis espectaculares deste Concello. O grupo central de gravados compóñeno un abundante conxunto de círculos concéntricos; algún de ata cinco círculos, asociados nalgúns casos a trazos radiais, coviñas centrais e rebaixes rectangulares e coviñas illadas. O motivo central deste primeiro conxunto fórmano ata catro círculos concéntricos unidos entre si. Nas proximidades a estes círculos pódese apreciar a representación dunha arma.

Nun segundo grupo a profusión de elementos é menor. Nel obsérvanse varios círculos concéntricos de maior sinxeleza así como representacións zoomorfas. Noutros sectores do conxunto pódense ver máis representacións circulares asociadas a coviñas, así como a representación dun ídolo-cilindro.

Os gravados están espallados por varias das grandes laxes que compoñen esta formación rochosa, que teñen unha pendente media dun 20% dirección norte. Os máis visíbeis son os da parte central, ocupando unha superficie de 6 x 3´50 m. Están compostos por un abundante conxunto de círculos concéntricos; algún de ata cinco círculos, asociados nalgúns casos a trazos radiais, coviñas centrais e rebaixes rectangulares e coviñas illadas. O motivo central deste primeiro conxunto fórmano ata catro círculos concéntricos unidos entre si.

Pódense contar arredor de 18 combinacións circulares  (cuns diámetros variables, de 80, 68 e 54 cm) máis ou menos completas, catro delas están combinadas cun par de rebaixes cuadrangulares, similares aos existentes noutras estacións da contorna. Destaca tamén pola súa importancia unha representación dunha arma, tipo puñal ou espada curta, de 70 cm de lonxitude e 15 cm de ancho, unidas por un trazo ás combinacións de maior tamaño. O resto dos gravados está composto por varios conxuntos de pequenas coviñas, así como partes de trazos xa case inapreciábeis. O tamaño do suco nas combinacións meirandes é de 2´5 a 3 x 1 cm de profundidade. O desgaste do suco é maior nos gravados máis ao leste, por onde baixa a auga durante o inverno.

A carón desta laxe polo bordo oeste, apenas separada por unha franxa de herba, sitúase unha laxe similar á anterior, aínda que con menos gravados. Están compostos por varias combinacións circulares de tamaño medio, contándose uns once máis ou menos completos, e de catro delas saen varios trazos radiais prolongados ao exterior ata tres metros de lonxitude, e que se xunta na parte baixa da laxe tendo un suco máis profundo que o resto dos gravados. Destaca na parte central da laxe unha representación de dous animais unidos de costas, de 60 cm de lonxitude total. Tres metros máis abaixo e tamén por arriba aparecen máis combinacións circulares e círculos con coviñas. Destaca unha representación dunha forma de cilindro de 28 x 12 cm, que podería tratarse dunha representación ídolo-cilindro, máis habitual noutras estacións rupestres galegas.

 Bibliografía: CERNADAS SANDE, J; “Gravados rupestres nos montes de Carnota”. tresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña) 2008.TOMO V - CATÁLOGO PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL - CONCELLO DE CARNOTA DOCUMENTO PREVIO A LA APROBACIÓN INICIAL EQUIPO REDACTOR: SCQ TAU territorio, arquitectura y urbanismo SLP ABRIL 2013. 


Praza de San Gregorio, 19 15.293 Carnota - A Coruña (España). Tfno: 981 85 70 32. Fax 981 85 72 51.

Concello de Carnota
Deputación provincial da Coruña