Museo Aberto de Carnota
17 de setembro de 2021
Museo Aberto de Carnota
Compartir:

Prousos Magos

Enderezo:

Rieiro, San Mamede - Carnota (A Coruña).

Tipoloxía: petróglifo.
Cronoloxía: Idade de Bronce
Motivos representados: coviñas, círculos, combinacións circulares, paletas, antropomorfos e cruces.
Parroquia: San Mamede.
Lugar: O Rieiro.
Altitude: 260 – 261 m.
Descrición da contorna: monte baixo de toxos.
Accesibilidade: doada.


Descrición


A primeira estación é Prousos Magos I, situada nun esporón rochoso, moi visible e localizada en catro puntos diferentes. Son fundamentalmente agrupacións de coviñas de diversos tamaños, salvo na pequena cova que forman as rochas, onde atopamos tamén combinacións circulares. Destaca pola gran cantidade de coviñas (unhas 30) de dimensións variables, algunhas delas unidas por sucos, nunha laxe de 80 x 65 cm. Tamén existe unha cruz de grandes dimensións nun gran bolo.


A estación Prousos Magos II, unha laxa de 10 x 4 m, está situada a ras do chan cunha inclinación similar á da ladeira. Presenta uns gravados con variedade de motivos, que van dende unha ducia de paletas, coviñas, combinacións circulares e trazos serpentiformes ou cruciformes, ata outros motivos difíciles de concretar. Diferente é tamén a profundidade e o ancho do trazo no suco dos gravados. Entre tanta variedade, atópanse tamén algúns gravados, coma as letras, que son de época recente. O mesmo sucedería con algúns dos orixinais que se atopan retocados na actualidade, tal como indican os trazados do suco.

Modelos 3D


Como chegar


Situados na Laxe Escrita, continuamos ascendendo pola pista na que nos atopamos. Chegados ao cruce coa Senda Verde, collemos á nosa esquerda. Camiñamos ao longo de 5,3 km ata un novo cruce, onde nos desviaremos á nosa esquerda. A uns 400 metros, atópase o noso destino: as estacións de Prousos Magos.
Os petróglifos de Prousos Magos están distribuídos en dúas estacións que, pese á súa proximidade, teñen unhas características moi distintas en canto ao emprazamento e composición dos gravados.

Mapa


Bibliografía


- CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).
- VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.
- CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.


Praza de San Gregorio, 19 15.293 Carnota - A Coruña (España). Tfno: 981 85 70 32. Fax 981 85 72 51.

Concello de Carnota
Deputación provincial da Coruña