Museo Aberto de Carnota
17 de setembro de 2021
Museo Aberto de Carnota
Compartir:

Torre dos Mouros

Enderezo:

Miñarzo, Santa María de Lira - Carnota (A Coruña).

Tipoloxía: recinto amurallado (defensiva-vixía)
Cronoloxía: Época Tardo-Antiga ou Altomedieval
Parroquia: Santa María de Lira
Lugar: Miñarzo.
Altitude: 320 m.
Descrición do entorno: monte baixo.
Accesibilidade: dificultade baixa.


Descrición


A Torre dos Mouros é unha impoñente fortificación de inicios da Idade Media. Localizada nun outeiro rochoso, ten unha privilexiada vista de 360º que abrangue dende Monte Louro (Muros) ata o Cabo Fisterra.

A fortificación consta de diferentes elementos:


  • Un sistema de dobre muralla, que pecha este recinto de dúas hectáreas de extensión. As murallas considéranse monumentais tanto polo grosor, de ata cinco metros, coma pola súa altura, que debeu de ser destacable, tendo en conta a cimentación, de 3-4 metros de profundidade; co cal, serían perfectamente visibles dende o mar.
  • Un camiño de acceso, que esta lousado e que dá paso ao interior do recinto principal, duns 20 metros.
  • Dous recintos internos: o principal, na parte baixa, na explanada á que accedemos ao atravesar as murallas; e un segundo recinto, na parte elevada, un reduto de máis difícil acceso, que contaría cun peche perimetral propio. Polo momento non é posible determinar o uso destes recintos, nos que hai evidencias da existencia de construcións de carácter efémero.
  • A entrada é tamén monumental, orientada cara ao porto de Lira, nun claro sentido disuasorio fronte posibles ataques dende o mar.


Este amplo recinto de carácter monumental presenta características diverxentes respecto dos habituais do noroeste peninsular (os castros) ou dos pequenos castelos ou torres da súa contorna. As técnicas construtivas difiren tamén das empregadas nos castros, o que, xunto coa ausencia de restos materiais (cerámicas que xustifiquen o uso doméstico), fala dun uso diferente a estes.


Segundo o estudo dos vestixios e do contexto construtivo, estaría deseñado para acoller a unha comunidade de xeito puntual, en momentos concretos, que se corresponderían con aqueles de maior virulencia das razzias normandas e viquingas, ataques máis centrados nas épocas máis favorables para a navegación (primavera e verán). Despois do s. XII, co cese dos ataques, deixaría de usarse como refuxio e pasaría a un uso agro-gandeiro.


No século XX, o lugar continuou tendo a súa función de protección, xa que foi utilizado como refuxio para os fuxidos da Guerra Civil.

Este espazo está asociado a diversas lendas, entre as que destaca a do cabaliño de ouro. 

O lugar puido ser recuperado por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública coa participación da veciñanza de Lira, voluntariado e o Concello de Carnota.




Como chegar


Está situado ao pé da senda. A poucos metros de pasar a cancela que pecha a zona, observamos o camiño empedrado, duns 20 metros, que sobe ao recinto superior a través das murallas, entrada orixinal desta fortificación. Resulta doado o acceso. 

A través da Senda Verde: indo dende Lira é o primeiro destino que atopamos na senda. Dende a AC-550: en Lira, en dirección Muros, collemos un desvío á esquerda, á altura do km 29. A 2,2 km atopamos a mesa explicativa, ao pé da porta de acceso.

Mapa


Bibliografía


- BARREIRO BARRAL, J. (1970): “Notas Arqueológicas e históricas de los montes de El Pindo”. Compostellanum, T. 15, nº 4, pp. 653-643. Santiago de Compostela.
- CRÁNEO, M. (2012): A Torre dos Mouros. Demo Editorial.
- VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.
- CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.


Praza de San Gregorio, 19 15.293 Carnota - A Coruña (España). Tfno: 981 85 70 32. Fax 981 85 72 51.

Concello de Carnota
Deputación provincial da Coruña