Tipoloxía: petróglifo.
Cronoloxía: Idade de Bronce, Idade Media, Idade Moderna.
Motivos representados: coviñas, círculos e cadrados concéntricos, combinacións circulares, motivos zoomorfos, cruces e embarcacións.
Parroquia: Santa Comba de Carnota.
Lugar: Carnota.
Altitude: 140 m.
Descrición da contorna: herba, monte baixo e eucaliptos.
Accesibilidade: doada.
Os gravados repártense en varios grupos. A primeira agrupación/ representación localízase sobre unha gran laxe a ras do chan, situada na marxe norte da pista forestal, onde se poden observar multitude de motivos, entre os que podemos citar combinacións circulares, varios motivos cruciformes, así como uns gravados que semellan representar embarcacións.
As combinacións circulares, unhas dez aproximadamente, presentan un trazo radial prolongado ao exterior, nalgúns casos incompletas, e cun diámetro que varía entre os 25 e os 60 cm. Destaca na zona central unha combinación circular de 74 cm de diámetro, inacabada ou desgastada por un extremo. Varía tamén a profundidade do suco destes gravados, presentando algúns un suco máis áspero, posiblemente como consecuencia dun repicado posterior. Dentro das combinacións circulares destacan as representacións que aparecen xusto ao lado la pista; tal é a súa singularidade, que acadaron o prestixio de converterse no símbolo do Museo Arqueolóxico Aberto.
Na zona central da laxe podemos ver cinco embarcacións de vela de tres mastros, que corresponderían á Idade Moderna. Tres destas representacións atópanse máis completas e teñen unhas lonxitudes que varían entre os 70 e os 45 cm. Debe destacarse o feito de que todas as embarcacións están orientadas cara ao mesmo lado.
O resto dos gravados están compostos por varios símbolos de difícil identificación, algunha coviña de pequeno tamaño, así como un amplo catálogo de cruces, algunhas delas de clara adscrición medieval, máis ou menos complexas. Contabilízanse unhas cen cruces de sucos semellantes aos das embarcacións.
O segundo grupo está a 20 metros cara ao oeste da laxe principal. Neste grupo hai representadas, sobre unha pedra de gran tamaño, tres combinacións circulares. A 100 m ao oeste está o terceiro grupo, formado por un mínimo de tres combinacións circulares.
Modelos 3D
Detrás do Concello de Carnota atópase o Pavillón Polideportivo Municipal e, xusto ao seu carón, encontramos un dos monólitos de referencia, localizado nun dos accesos á Senda Verde. Ascendemos pola pista uns 700 metros, cunha pendente moderada, e achamos a mesa interpretativa ao carón da laxe, na marxe esquerda da pista, nunha pronunciada curva. A laxe ten unhas dimensións de 11 x 6 m de superficie case plana e está ao mesmo nivel do terreo.
Mapa
- CERNADAS SANDE, J. (2008): Gravados rupestres nos montes de Carnota. TresCtres Editores. Santa Comba (A Coruña).
- ALONSO ROMERO, F. (1993): “Las embarcaciones en el período germánico del arte rupestre de Carnota (La Coruña)”. Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais. Actas do encontro científico en homenaxe a Fermín Bouza Brey (1901-1973), Santiago de Compostela.
- BÓVEDA FERNÁNDEZ, Mª. J.; CAÑIZO FRAGA, J. A.; VILASECO VÁZQUEZ, I. (1999): “Lugares para grabar, lugares para morrer. Petroglifos e cistas na Idade do Bronce no NW da Península Ibérica”. Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade, nº 18, pp. 89-102.
- VV.AA.: Fichas do Inventario de xacementos do concello de Carnota. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia.
- CONCELLO DE CARNOTA (2013): Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Documento previo á aprobación inicial. Tomo V.